As políticas públicas no sector das artes escénicas viviron o seu momento dourado, economicamente, entre 2007 e 2009. Dende entón, as axudas baixaron de 2,8 a 2,2 millóns de euros. O ano vindeiro serán aínda máis cativas.
_
Levaba razón un dos meus cretinos favoritos, que loce os galóns de geek coa bravura impostada daqueles fascistas de primeirísima hora: os periódicos xa non dan noticias. Estamos no século XXI, onde vai o papel. Temos acceso universal a internet e o mundo na palma da man. As noticias agora veñen na rede e son de balde. Gratis, neno. Dánas no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A Consellaría de Cultura recúa de novo como antes o fixera a de Educación. Alá van 300.000 euros de axudas a entidades culturais máis ou menos pequenas, setenta na convocatoria do ano pasado, para reaxustar os orzamentos do departamento. En favor da estabilidade orzamentaria e a contención do déficit público. A mediados de outubro e sen planificar, non vaia ser que o Excel estea suxeito a xuros, como a vella prensa. Austeridade radical, aínda que haxa uns andeis no Gaiás, contra os que non teño nada, que custaron máis do dobre.
O teatro tamén está a notar a falta de liquidez selectiva da Xunta de Galicia. Adiantábao o outro día Óscar Iglesias en El País: as compañías non se fían. A Axencia Galega das Industrias Culturais débelles unhas liñas no DOG, que é onde se dan as noticias na era dixital, en serio, dende o mes de agosto. Se non se publica aí, a relación provisional de beneficiarios das axudas ao sector ten o mesmo valor administrativo ca este blog.
Nos despachos, en privado, comentan que a estratexia é mala: “No canto de reclamar que se lles paguen as facturas pendentes, que as hai, porfían en pedir subvencións, e iso á xente –coa que está a caer– non lle parece solidario”. O argumento tería o seu aquel se non fose polos modais do sector financeiro. O outro día na Coruña había seis policías diante dunha sucursal de Caixa Galicia (sic) con cara de avogados do diaño, e eu aínda non coñezo un só dramaturgo con escolta. Non sei se me explico.
O peor está por chegar. As artes escénicas chegaron a contar con 2,8 millóns de euros de fondos públicos entre 2007 e 2009, e de aí saía para a rede de salas, a feira-que-deveu-mostra e as distintas axudas, pero iso vai tardar en repetirse. Este ano esas partidas rondan os 2,2 millóns de euros, e o ano que vén, con toda probabilidade, baixarán aínda unha miga máis, talvez até os 2 millóns. Será o peor ano (contábel) do teatro galego.
A foto, tirada da web oficial da ‘Ópera dos tres reás’ de Quico Cadaval, é de Francisco Arnoso ‘Pixi’.

