Crítica da última obra de ficción até hoxe, se é que ‘Sete palabras’ pode considerarse tal cousa sen maiores matizacións, de Suso de Toro.
_
Suso de Toro (Santiago, 1956) xa non teima en facer croquetas do cadáver de Castelao. Agora préstanlle máis outras danzas culinarias. Outros ingredientes. Xa en Home sen nome (Xerais, 2006) puxera a fábula ao servizo da historia. Quixera ensaiar unha terapia para a memoria colectiva. Sinalar os asasinos para emendar as galeradas do relato oficial. Ver se a ficción podía sandar. Se daba estiñado algunha das feridas que deixaran o golpe de estado do 36 e corenta anos de represión. En Sete palabras (Xerais, 2009) o paciente é el propio. Un tal De Toro, máis tarde Suso, que virou ninguén. Un ninguén. Un tipo ao que a célula fotoeléctrica da porta do hotel porfía en ignorar, coma se non existise. Un escritor coa árbore xenealóxica arrasada polo temporal. Un fantasma entre fantasmas na procura dunha coartada.
Sen o susto non habería novela. É unha das poucas cousas que sabemos do protagonista dende o principio: varón, 52 anos, autodenominado escritor, adoita esquecer o pixama cando sae de viaxe e non sabe ren do seu avó Faustino. Nada de nada. Se non fose por eses tres segundos morto diante do espello, coa metade da face paralizada, alleo a si propio, Suso de Toro non sairía na procura do pai de seu pai, un neno expósito, “fillo de don Incógnito e dona Incógnita”, un cativo abandonado á porta dun hospicio zamorano. Sen o susto non habería relato, e sen a culpa tampouco. Culpábel pola literatura –“Todo é texto para ti. Es un tradutor incansábel, acotío traduces a vida a palabras. Es un prosma. E non podes parar”– e culpábel pola desmemoria –“Como é que un pode medrar e chegar a pasar dos cincuenta anos, unha idade en que a xente morre, sen caer na conta de que non sabe quen é o seu avó?”–. Ese é o Suso de Toro que conduce.
“Todo empezou en Toro”, na vila zamorana, o fío do que tirar, pero atravesa a comarca de Saiago, vai e volve a Galicia, suca o Atlántico, para en Madrid. A road movie que propón o escritor compostelán, como adianta a fotografía de Delmi Álvarez que ilustra a capa da primeira edición, pon de volta e media a identidade de quen fala. O protagonista apaña testemuños –“o eco do eco”– para recoñecerse e cumprir a misión que seu pai xa non pode acometer: viaxar ao miolo, localizar o centro, reescribir a xínea familiar. Vaia por diante que fracasa, que resolve a culpa pero non o resto. Era sabido. A Home sen nome bastáballe con sinalar, con desenmascarar, fose o Torrente Ballester fascista, fose o crego presa do rancor. Aquí é distinto. Búscase unha sorte de reconciliación imposíbel. “As cousas rotas non teñen reparación”, concede ao cabo o investigador. “Simplemente acaba un aceptándoas”.
Fagamos un pacto: se isto é unha crítica, Sete palabras é unha novela. Se fiamos no contorno do texto, na colección onde se coloca, no que se di na lapela, hai aí trescentas páxinas de narrativa. Só así pode escapar o discurso de Suso de Toro de ser xulgado como un ensaio ou como un mangado de apuntamentos para unhas memorias. O libro podería ser tamén o reverso dunha guía de viaxes, porque a mirada vai cara a dentro, ou mesmo unha reportaxe. Sobre todo unha reportaxe. A posición do narrador é a do xornalista –“Traes un caderno e un bolígrafo na man, mans finas de non traballaren, botas rústicas e pantalón de pana, que ser confuso es ti? Un períto agrícola?”– e parece alentar nesa obsesiva xerarquía de comiñas que arrodea os diálogos a obsesión polo verosímil, pola literalidade. Son marcas de verdade. Outra teima na teima da novela.
A pescuda do protagonista fica dentro do libro de familia. Desafía o tempo histórico, déixao fóra. A guerra interrompe ás veces algunha conversa cos testemuños, asoma na figura de Miguel, o comunista, pero é deliberadamente lateral. Os arquivos onde procura a pegada do seu avó Faustino non son os únicos caladoiros. Sete palabras discute a identidade e as fronteiras entre os xéneros literarios, pero tamén cuestiona o tempo histórico, trabado dunha banda polo tempo mítico dos sinais, da maxia, das mensaxes anónimas e as coincidencias, e doutra banda polo tempo da fame, “onde o pan era o sol”. O inmigrante africano que cruza o estreito nunha patera na bisagra do milenio é o emigrante galego que atravesa o Atlántico mediado o século XX. Todos os pobres o pobre, diríase. “Non existe o pasado nin o presente nin cousa ningunha, todo é a mesma cousa”.
Querería ser xudeo para achar explicación ao seu estar “a desgusto sempre”, pero o Suso de Toro de Sete palabras acaba por resolver a súa pertenza noutras coordenadas. Recoñece nos seus devanceiros as marcas do escravo e pregúntase a cantas xeracións alcanza o feitizo. Quere saberse na estirpe do hospiciano, do orfo, do paria. Atopar no seu corpo a cicatriz do grillón. Ponse diante do pastor, no que recoñece máis substancia humana que no seu autorretrato, e aperta os dentes para invocar a conciencia do abandono, o desprezo, a humillación, a opresión. Canta a canción da fame, da pobreza. Por iso este libro é un constante sortilexio. Quérese “oración”. Todas as derrotas que cifraba Lois Pereiro na súa “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia” deben comparecer.
Na produción última de Suso de Toro, cadora máis envorcada cara ao xornalismo ou o ensaio político, onde cabería encadrar Madeira de Zapatero (Xerais, 2007) ou Outra idea de España (Xerais, 2005), esta novela marca un limiar. O escritor debe responderse algunhas preguntas antes de seguir. A primeira: que facer. Xa que parece convencido de que só se pode escribir, como José Emilio Pacheco, do que lle afecta a un. Xa que formula, como programa, unha renuncia á profilaxe. Á súa confortábel incomodidade burguesa, ese “luxo” de verse protexido da vida, de pertencer “ao planeta dos clérigos, dos intelectuais”, que negan o “verdadeiro rostro da vida”. Non desconfía da escrita o autor de Tic-tac (1993) e Polaroid (1986), textos agora tan lonxe, porque “só a literatura é capaz de achegarse e contar a vida”, pero con Sete palabras Suso de Toro rebasou un punto de non retorno. “Non podes gastar luvas no teu traballo”, dise. “Así, a man ten que facerse responsábel do que escribe”.
Esta reseña publicouse orixinalmente en ProTexta, a revista de libros de Tempos Novos. Ao autor deulle que pensar. A fotografía está tirada do seu blog.

