sejaheroi

Libros

18 Outubro, 2011

As palabras en ruínas

‘Periferia’ (Xerais, 2010), de Iolanda Zúñiga, está escrita nas ruínas da cidade. São Paulo no tempo da matanza, estradas as vísceras da sociedade capitalista. Miseria e simulacro.

_

Dezaoito millóns de habitantes e non hai ninguén a quen tocar. Luciana/Simone e Brown simulan ser os protagonistas da novela, pero nin sequera son persoas. Máis ben parecen fantasmas. Como antigos gravados fosforescentes nas paredes dun túnel que atravesamos nun tren a gran velocidade. Alta velocidade. O apetito da metrópole é inmenso, o relato non dá. Para contar a cidade en ruínas no tempo da matanza hai que buscar outro artefacto. Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) propón un. Cousa infrecuente.

A relación de Luciana/Simone e Brown é soamente o mal necesario que consente unha novela como Periferia, gañadora este ano do premio máis dotado (Xerais) da narrativa en lingua galega. O resto é unha conspiración contra a lectora. Iolanda Zúñiga sométea a unha tortura. Cincocentas páxinas, once saltos de parágrafo. Un disco longuísimo: nove cortes, un bonus track e outra pista oculta. E ao longo de toda a serie, todo. É o que ten de especificamente moderno Periferia: a vocación totalizadora. A voz quere un mapa da barbarie. O deporte, o narcotráfico, a fame, o tráfico, a violencia, a prostitución, a corrupción, o baleiramento moral, as políticas públicas, a favela. O galego, o brasileiro, a gíria. Os titulares dos periódicos, os manifestos, os diálogos despezados na rúa, os anuncios luminosos, as telenovelas, os informes gobernamentais, as consignas, centos de cancións, Sonic Youth, O Rappa, Legião Urbana, a música popular brasileira.

Iolanda Zúñiga xa traballara arreo coa linguaxe no seu debut na narrativa curta, pero había algo perverso (e publicitario) na prosa de Vidas post-it (Xerais, 2007, reedición en 2010). Aquel mangado de historias tamén era un tratado de sintomatoloxía urbana, pero a prosa era unha prosa-eslogan. Adoecía dunha certa tendencia ao gag. No caso de Periferia, todo ese traballo parece destinado a intentar a totalidade, dunha banda, e a incomodar a lectora, da outra. Que arfe, que súe, que abandone e volva se quere (algo).

A Zúñiga acontécelle con Periferia o que a Paulino Viota con Contactos (1970). Para aquela película, o cineasta santanderino ideara un dispositivo áspero, deliberadamente inhabitábel. Quería que o seu filme fose unha pancada na conciencia do espectador en tanto espectador, contra a retórica alienante do cine alcumado “clásico”, e en tanto cidadán, someténdoo á dureza (e a banalidade) da resistencia antifranquista no penúltimo alento da ditadura. A forza de deixar a cámara no corredor e agardar a que os personaxes atravesasen o plano-secuencia cara a ningunha parte, Viota descubriu o corredor e a espera. Ao meter o fociño nas vísceras da cidade para retratar a barbarie, Iolanda Zúñiga albisca, non a cidade, senón unha forma para delimitar a ausencia da cidade. Unha linguaxe para as ruínas. E aí, máis ca na lectura (ecosocialista) do mundo, é onde Periferia é importante. Ao cabo, que é a literatura (de esquerdas), Barthes? “Ese esquivo e magnífico engano que permite escoitar a lingua fóra do poder, nun esplendor dunha revolución permanente da linguaxe”. Creo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>