IslBG

A lectura política de Lois Pereiro está en marcha. Quixo a Academia –a historia– que o mercado das Letras Galegas se abrise para o poeta de Monforte neste tempo de obscenidade capitalista e chamados á revolta.

_

A consigna callou decontado: Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, o panfleto que escribira por encarga de Manuel Rivas para a revista Luzes de Galiza en 1996, é o noso Indignádevos!. Mellor escrito, en galego, e máis eficaz que o libriño de Stéphane Hessel, malia á inxenuidade, o texto vive unha segunda idade nas librarías. Xerais rescatouno das hemerotecas para poñelo en circulación nun volume que se completa con varios artigos dispersos en publicacións dos oitenta.

Foi o poeta e xornalista Daniel Salgado quen ensaiou, a tal hora, a máis política das lecturas de Lois Pereiro. Na introdución á antoloxía que preparou para Galaxia, non por casualidade titulada “Lóbregas figuras do século da febre”, despacha así a posición do poeta no seu contexto: “Trazou unha vía paralela ás tendencias dominantes na literatura do seu tempo, enfrontouse á morte e aos poetas profesorais, incorporou as tebras postindustriais á súa escrita, desprezou a indolencia política dos seus pares e denunciou a quen pretenden allear o poema do sangue e da carne”.

Modesta proposición era, na súa orixe, a resposta a unha pregunta: e ti de que parte estás? “Da mesma que crin estar sempre”, responde Pereiro. “De parte da Beleza, dos que nos sentimos na obriga de loitar, desde que o mundo é mundo, polo que sempre nos resultou moralmente xusto e evidente”. Na altura na que escribiu ese ensaio de título imposíbel de memorizar, entre A Modest Proposal de Jonathan Swift e a Historia universal da infamia de Borges, o de Monforte estaba moi enfermo. Así e todo, regateáballe horas aos médicos para dedicarllas ao seu manifesto. Escribía e escribía, entre o hospital e a súa casa da Coruña, coma se cada páxina fose unha república. “Se as vítimas de antes pretenden ser verdugos á súa vez, ¿de que parte que non sexa a das novas vítimas, dos novos vencidos doutras guerras, podemos estar xa?”.

O lugar dende o que escribe estaba trazado nun poema uns meses antes. Titúlase “Amor e sangue en Chiapas” e vai precedido, en Poesía última de amor e enfermidade, dunha reescritura de Octavio Paz: “A Revolución que ven é a de Chiapas, as víctimas maias do principio que se rebelan, regresando a un futuro desexado… Todos somos Marcos! Todos EZLN, nas selvas Lacandonas do que nos foi prohibido!”. O poema dicía así: “Ando á procura dunha ollada súa / que me confirme a fé que teño nela / e avanzo a cegas coa maior firmeza / noutra rebelión xusta que interna / nunha urxente existencia de certezas / para este corazón rebelde e zapatista / obrigado a loitar polo evidente / cunha serea furia / antiga e sabia. / Desde o amor que resiste ó que oprime / con ela por compaña como antes / ou eu só ben armado de nostalxias / deixareime invadir de sangue maia / para que retorne á súa propia terra / ou consiga vivir outras mil vidas / en loita contra o mundo / se é preciso / crebándolle o pescozo / e desviando / á historia do seu curso / xunto coas mesmas víctimas / de sempre”.

Nese poema, datado en xullo de 1995, están os contornos da Modesta proposición. A “serea furia” de ascendencia gramsciana: “Intentando equilibrar co voluntarismo do meu optimismo, o pesimismo ó que me leva a razón”. A amarga lucidez de Dürrenmatt: “Sigao a estar de parte (…) dos que nos sentimos obrigados a loitar, desde que o mundo é mundo, polo que sempre nos resultou xusto e evidente”. E a actitude benxaminiana fronte á historia: “¿De qué parte que non sexa sempre a das novas víctimas podemos estar xa?”.

Pereiro nada contra a marea e reconstrúe, partindo das lecturas da súa adolescencia en Monforte, a súa propia xenealoxía política. Inventa, en realidade, unha tradición libertaria imposíbel: Kropotkin, Castelao, Bóveda, Bakunin, Ricardo Mella, CNT-FAI, Engels, Marx, Trotski, Lenin, Voltaire, Fourier, Lafargue, Ho-Chi-Minh, a I Internacional, a Internacional Situacionista, o simbolismo, Alfred Jarry, Leonard Cohen, Lour Reed, Esquilo, Chekhov, Shakespeare, os aborixes australianos, os chamáns, o rock, Alicia no país das marabillas.

Hai algo de confesión nese ensaio: “Coñezo moi ben a xeografía mental do cinismo imperante, porque o levo asentado en cada célula, alimentadas co máis triste e errado discurso dos meus anos, e podería acudir a el se fose necesario”. Non trata de xustificarse. Non é unha declaración de inocencia, senón todo o contrario. É un incendio. Escribe para inxectar a paixón da resistencia “no imperio zombie de Microsoft e as autoestradas da información”. Ao cabo, nunca é peor o momento para levantarse de vez. “¿Que tempos serían menos sombríos e fatais para os vencidos, para as víctimas, os oprimidos, os débiles, os nobres, os escravos, os negros deste mundo?”.

A un ano de irse, Lois Pereiro propón tomar partido. Iniciar a sabotaxe. “Canto peores sexan os tempos que vivamos, máis false será esa inxenuidade, menos inocente a indiferencia, e máis cómprice non comprometerse”. A tal hora, o arco que traza a súa escrita está a piques de encaixar fatalmente co das súas constantes vitais. Se Poemas 1981/1991 estaba escrito con follas de afeitar sobre a barbarie, como unha acta da devastación, en Poesía última de amor e enfermidade –e en paralelo, nun código diferente, na Modesta proposición– o poeta parece acometer a reconstrución. A súa, contra o cinismo e a distancia, e a dos fíos que o unen aos outros, esgazados polo poder. O colectivo. Como naquela carta de Gramsci á súa irmá Grazietta en 1916: “Durante un par de anos vivín fóra do mundo, case coma nun soño. Deixei que se fosen rompendo un a un todos os fíos que me unían ao mundo e aos homes. Vivín exclusivamente para o cerebro sen deixar nada para o corazón”. Amor, resistencia, dinamita. Emancipación. Contra a morte e contra o poder. Como deixou escrito Uxío Novoneyra, “a forza do noso amor non pode ser inútil”.

 

Publicado en Xornal de Galicia o 17 de maio de 2011. O retrato do poeta é de Vari Caramés

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>