Nacho Vegas, por Pablo Zamora

Pois iso, o prometido. Aí van os cinco últimos números daquel suplemento cultural. Os da nova, segunda, dura, prometedora e última etapa. Logo pechárono. Pódense descargar de balde ou ver en liña. Alá ti.

_

Acúsanme (con cariño) de repetir constantemente algúns sintagmas. Cousas como “cambio de paradigma”, “capital simbólico” ou “cómplice necesario”. Debe ser certo, non digo que non, pero non son o único. Nos tres anos que pasei en Xornal de Galicia tamén escoitei un mundo de expresións recorrentes como martelos pneumáticos. Por exemplo, o verbo “apostar”.

Unha das veces que apostaron por algo que eu tiña entre mans –e non sería a última, por desgraza– foi no verán de 2009. Dixéronme que despois do descanso estival había que apostar polo caderno cultural que viñamos publicando dende o lanzamento do diario a finais do ano anterior. Apostar significaba máis ou menos isto: redeseñalo por completo, darlle unha volta aos contidos, incrementar o número de páxinas, investir (aínda) máis horas e pagar menos aos colaboradores. Aceptei.

Durante case tres meses, María Sabarís fixo un traballo que nunca lle darei agradecido. Dous traballos, en realidade: remozar o suplemento e aguantarme, asunto ben máis ingrato. Co resto dos requisitos tamén cumprimos: estiramos a xornada laboral, castigamos a vista, estafamos (aínda máis) os colaboradores, multiplicamos a paxinación e revisamos a política de contidos que seguíramos na primeira etapa. O mérito da estafa é da empresa, pero eu fun “cómplice necesario”.

Debutamos o 19 de setembro con Enrique Lister na portada, unha reportaxe que se me foi das mans e que o compañeiro Óscar Iglesias cualificaría moi atinadamente naquela altura como “haxiográfica”. Despois de catro número máis, protagonizados pola Escola de Boston, o campo da tradución literaria, Nacho Vegas e Maruja Mallo, a dirección de Xornal de Galicia decidiu pechar o caderno para sempre. “Os suplementos culturais non venden periódicos”. Hai apostas letais.

Acabo de subir ao meu andel de Scribd eses cinco números do Nós. Cando poida colgarei tamén a primeira etapa completa. Estará tamén nesta Hemeroteca de Xornal.

A foto de Nacho Vegas, unha das que empregamos no número 33, é de Pablo Zamora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>