Os nove discos favoritos da banda de Carballo. Tres de Alberto M. Vecino, tres de María Costa e tres de Patricia Bermúdez. Tres cada unha, nove. Só nove. Difícil.

_

El País publica hoxe (por fin) a segunda entrega da serie Disimulen, na que aproveito para mencionar unha magnífica recompilación de artigos de Simon Reynolds, Después del rock (Caja Negra, 2010), e para recuperar o debut de Franc3s, un dos discos máis destacábeis da tempada en Galicia. Fágoo, a tal hora, por dúas razóns: porque vai tocando facer memoria, o ano consúmese, e porque acaban de empezar a gravar novas cancións para o segundo álbum.

Despois de pasar unha tarde fantástica con eles en Carballo para unha entrevista que publicará Rockdelux en decembro, enviáronme os seus nove discos favoritos, tres cada un. Aí quedan.

A fotografía é de Tamara de la Fuente

 

The Velvet Underground & Nico

The Velvet Underground & Nico

Verve Records
1967

Alberto M. Vecino. Creo que isto foi o principio de todo. Aquí hai experimentación, melodía, ruído, dozura, perversión, arte, rock, literatura… Non creo que ningún dos grupos que poñamos a seguir non estean influenciados dalgún xeito por el, e a min nunca un disco me suxeriu tantas cousas. Sempre soará en todas as festas de Franc3s.

In Utero

Nirvana

DGC Records
1993

A.M.V.. Nirvana foi o principio para min. A música non me dicía moito antes de escoitar o Nevermind, pero despois chegou a ser o máis importante, así que lle debo moito, ata o nome do noso grupo, que sacamos dunha canción do In Utero. Este disco describe mellor do que o podo facer eu mesmo como me sentía cando ía ao instituto.

Loveless

My Bloody Valentine

Creation
1991

A.M.V. Cando pensaba que non habería nunca ningún grupo que me gustase máis que os Pixies ou Sonic Youth descubrín este disco e sinxelamente emocioneime. Era como escoitar a The Jesus and Mary Chain debaixo de auga quente ou algo así. Era o disco máis perfecto e misterioso que escoitara, e aínda hoxe en día o segue a ser.

Trans-Europe Express

Kraftwerk

Kling Klang Records
1977

María Costa. Eu son, do grupo, á que máis lle gusta a electrónica. E se falamos de electrónica hai que falar de Kraftwerk, e este disco paréceme unha mestura perfecta de todo o que abarcaron. Poderíase decir que é unha cápsula que contén o seu minimalismo, a súa experimentación, o seu futurismo e a súa arte-pop. A cápsula que comeron de pequenos todos os grupos de tecno-pop.

Suicide

Suicide

Red Star
1977

M.C. Cando escoitei este disco confeso que sentín ansiedade, pero ao mesmo tempo máis ganas de seguir escoitándoo. Lembro que isto só me pasaba cun disco de Einstürzende Neubauten, un recopilatorio que se chamaba No New York, e con Suicide, e que os tres acabaron por encantarme aínda que Suicide máis. Eran máis punks que o punk, e máis arte que todos os grupos de punk xuntos, e este ano demostráronme en directo que aínda o son.

Triángulo de Amor Bizarro

Triángulo de Amor Bizarro

Mushroom Pillow
2007

M.C. Falando de patadas no estómago, aquí poño o debut de Triángulo. O noso disco galego favorito da historia por riba dos primeiros Siniestro ou Golpes Bajos, e en cabeza dos grupos españois xunto con Una semana en el motor de un autobús de Los Planetas. Toda unha sorte que colaborasen no noso primeiro disco tanto Tab como Los Planetas.

Closer

Joy Division

Factory
1980

Patricia Bermúdez. Pode que o punto tráxico ou escuro da nosa música veña de aquí. Sempre me gustaron Can, Iggy Pop, Bowie… pero Joy Division e sobre todo este disco exercen unha especie de magnetismo sobre min. Chegamos a gravar unha versión de Isolation mentres gravabamos o disco que está colgada no Youtube.

Pet Sounds

The Beach Boys

Capitol Records
1996

P.B. O disco que os Beatles nunca puideron igualar. E se non o puideron facer foi porque para facer algo así hai que estar tocado polo divino. A nos encántanos o pop, e pode que no noso seguinte disco se note máis o que nos gusta este disco –humildemente, claro– e outros de Aventuras de Kirlian, Beat Happening, Young Marble Giants, The Shaggs, The Vaselines, Raincoats…

Hi, How Are You

Daniel Johnston

Stress Records (en casete)
1983

P.B. A Alberto foi Kurt Cobain quen lle descubriu a Daniel Johnston. E Alberto descubriullo a María. E María e Alberto foron ao FIB a velo, e ao chegar todos emocionados descubríronmo a min. E eu este ano fun aos EUA de vacacións e tróuxenlles de regalo esta cinta orixinal, así que estamos en paz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>