Os norteamericanos Low actúan esta noite a partir das 21.30 na sala Capitol de Santiago. Alan Sparhawk explica nesta breve entrevista a diferenza entre ‘Drums and Guns’ e o seu recente ‘C’mon’.
_
Hai xa case vinte anos que Alan Sparhawk, Mimi Parker e John Nichols saltaron a liña do grunge cun trío de rock mínimo e perezoso ao que chamaron simplemente Low. Os de Duluth, en Minnesota, pariron o seu propio xénero, a súa cabana na heterodoxia, e desde entón publicaron nove discos de estudio, ningún igual a outro. “O segredo da lonxevidade”, di Sparhawk, o seu vocalista, “non consiste en pasar a vida facendo versións dos teus dous primeiros álbums. Reside en permanecer na posición do ignorante, en colocarse unha e outra vez ao bordo do abismo, en abrazar a certeza de que non tes nin a menor idea do que vai pasar a continuación”.
O núcleo da “familia”, como el di, segue a ser xustamente a familia: Sparhawk e a súa muller, a batería e vocalista Mimi Parker. O baixo estivo disputado desde o principio. Primeiro Zak Sally e logo Matt Livingston substituíron a Nichols en diferentes etapas, e desde 2008, tras a xira de Drums and Guns, o oitavo LP dos norteamericanos, o catro cordas son responsabilidade de Steve Garrington. Esta noite acompañaraos tamén o percusionista Eric Pollard no escenario da sala Capitol de Santiago, a partir das 21.30 horas, dentro do ciclo Heineken Music Selector. Abrirá a sesión o español Raúl Pastor Medall, alias Rauelsson, co seu segundo traballo, Réplica.
No catro anos que separan Drums and Guns de C’mon, o matrimonio tivo tempo de probarse no campo da danza compondo para o coreógrafo Morgan Thorson. Sparhawk tamén aproveitou o descanso para ser infiel á banda por segunda vez –tras a aventura de Black Eyed Snake a comezos da década pasada– e publicar dous discos con Retribution Gospel Choir. O álbum máis hermético e áspero da súa carreira, parcialmente inspirado na guerra de Iraq, deu paso ao máis accesible e luminoso de cuantos facturaron desde I Could Live In Hope (1994).
“Drums and Guns era un disco desesperado, confuso e cheo de ira, por iso resultaba escuro. Trataba de falarlle á multitude. Era unha loita para tentar pescudar como expresar a frustración que me provocan a guerra e o asasinato”, explica Sparhawk por teléfono. “Non me gusta a palabra porque hoxe está moi deslexitimada, pero si, poderíase dicir que é o noso disco máis político. Quen é o outro que non es ti? Como o ves? Como o tratas? Esas eran as preguntas que me facía entón, coa mirada posta na xente poderosa e egoísta que decide por nós”.
Try To Sleep, o primeiro corte de C’mon, constata que algo cambiou: hai luz. “Ten que ver con internet”, escúsase o norteamericano, que promete estrear en Santiago un par de temas novos, rescatar vellas melodías e render tributo á súa gravación máis emblemática, The Great Destroyer (2005). “As cancións que escribimos despois de publicar aquel disco eran case cancións de amor, como cartas que lle escribes a alguén a quen coñeces de toda a vida, e non intentos desesperados por falarlle a un estraño. Por iso o relaciono con internet, co contacto entre pares. Optimista? Podería ser. Teño moita fe nas persoas, aínda que ningunha na multitude”.
A foto, cedida polo grupo, é de Sara Kiesling.

