Bigott

Bigott chámase en realidade Borja Lanudo, aínda que consente que lle chamen Pancho ou calquera outra cousa que se lle ocorra no momento. Con el non paga a pena o vello truco de indicar entre corchetes cando ten que soar a gargallada na cabeza do lector: o delirio é constante. SON Estrella Galicia programa tres concertos do zaragozano esta semana: o xoves en Ourense (Torgal), o venres en Vigo (Mondo) e o sábado na Coruña (Le Club).

_

Borja ou Bigott?

Chámame como queiras. Chámame Pancho!

De acordo, Pancho. Estou asustado: lin as túas entrevistas anteriores.

Mal feito.

Xa, pero agora non ten remedio. Non che gusta facer entrevistas?

Si, claro que me gusta. Se non, como nos ía a coñecer a xente. O que pasa é que é un pouco coñazo porque sempre se pregunta o mesmo, por iso eu contesto sempre o mesmo. Eu enténdoo, tampouco te vas a lear a manta á cabeza buscando unha superpregunta.

Non é fácil preguntar.

É complicado, si, pero mentres se pase ben…

Que opinas do meu traballo?

Cal é o teu traballo?

Son xornalista.

Ti estás ben? Ris? Pásalo ben? Tes bo soldo?

Faise o que se pode.

Pois caralludo, e se non, apértalle máis aos xefes. Quen é o teu xefe? Coñézoo?

Non o creo.

Xa falarei con el.

Dis que non les prensa musical.

Nin musical nin da outra. Abúrreme moito a prensa. Antes había revistas con noticias inventadas que me gustaban moito, pero non me acordo como se chamaban. Polo menos eran entretidas, agora son todas un coñazo.

Hai máis de cinco millóns de parados ao teu ao redor. Cóntao a prensa. Preocúpache?

Nin me importa nin me preocupa, a verdade. Eu de momento teño algo de traballo, creo. Ben, non, non quero chamalo traballo. Considérome un parado cun hobby, que é a música.

Pero vives da música.

Non sabería que dicirche. De momento, non. Vivo da miña muller e pouco máis.

Pero só te dedicas á música.

Si, ben… Veña, si, é iso.

Non, home, explícamo.

Non, que che ía a falar da miña outra profesión, que é de mamporrero, pero paréceme unha cousa moi fea. Ah, e son gai, tamén.

Como Deus.

Si, xusto. Iso gustoulle á xente? Eu creo que si.

Probablemente. Como descubriches a sexualidade de Deus, por certo?

Pois imaxínao. Se é maricón e o descubrín, ti que cres?

A lóxica é esmagadora.

Creo que non son o único. Descubriuna moita xente.

Da mesma maneira?

Si, todos a descubrimos igual.

Gústache falar dos teus discos?

Din que non.

Din que non? Pero se o dis ti nas entrevistas!

Ah, dígoo eu? Non, que va. E de que vou falar, do disco doutro?

Non o sei. Adoitas dicir que prefires facer discos a teorizar sobre eles.

Xa, pero iso é normal. Cada un ten as súas cousas, as súas cancións, os seus teclados, os seus arranxos. Son distintos.

Falando de arranxos, hai máis no último.

O último? Cal era o último? Ah, si, no último leámonos con arranxos de corda e todo. É un pouco máis pretensioso.

Parécecho?

Si.

E máis bailable, tamén?

Si, claro, porque ten un toque de bombo de discoteca chunga para empezar a levantar as palmas e empezar a drogarte e todo iso. Claro que si!

Ten que ver co que escoitas en cada momento?

Si, pero como escoitamos sempre mogollón de música, pois non sei, imaxínome que a esquizofrenia que levo na cabeza sairá por algún lado, pero non escoito unha música para poder inspirarme nela, se é o que querías dicir.

Non, só preguntaba se a música que estás a escoitar é importante á hora de compor.

Si, home, a música, mentres sexa boa, sempre é importante.

A música é tan importante como se di ou se esaxera moito?

Depende, claro. Imaxina que para ti unha música serve para foder e só podes foder con esa música. Non che parece importante?

Á parte de para foder, foi importante para ti a música?

Non, só para iso.

Recoméndame un disco.

Un disco? Escoitaches o de Little Joy, que é o batería dos Strokes con dous máis? Está moi guai, ten un aquel moi chulo. E logo o último de Cass McCombs.

Bigott es ti ou é o grupo?

Son eu, os outros apuntáronse ao carro.

Valos botar?

Non, de momento non.

Prefires compor, gravar ou tocar en directo?

As tres cousas á vez.

Sen distinción?

Si.

Vívese ben estando de xira, é o teu medio natural?

É o medio que toca, así que o tentas levar ben. Ir aos sitios, alimentarte, beber, durmir ben, nunha boa cama, cunha boa… cunha boa almofada á beira. E que veña a xente a ver os teus concertos ou a escoitalos ou ao que sexa, pero que veñan e que paguen entrada.

Non queda outro remedio que tocar porque a música xa non funciona nas tendas?

Non só por iso, é que a min me gusta tocar en directo, é moito máis chulo que pór un disco.

Se a música se vendese como hai vinte anos, se cadra non se xiraría tanto.

Xa, pero eu hai vinte anos non facía música. Fágoa agora e é o que hai. Se hai que saír a tocar, sáese. E se non, non se sae.

Define melancolía.

Defínea ti, que son moi perezoso.

Non, home. Eu fago as preguntas.

Pois eu contéstoas: non teño nin puta idea do que é a melancolía, dígocho de verdade.

Non hai algo diso en Bar Bacharach, a canción?

É que a melancolía me parece unha merda. Sei o que é, pero paréceme unha merda. Non hai melancolía nas cousas a non ser que sexas un ñoño ou un chorón.

Dito doutro xeito: botas de menos a Sergio Algora?

Que va, para nada.

É certo que ten a culpa de que te dediques á música?

Pero se está morto, como vai ter a culpa de nada? A culpa témola os que estamos aquí, que somos idiotas e seguimos aguantando todo isto.

El tampouco se tomaba en serio a si mesmo?

Ti que cres?

Non o sei, non o coñecín.

Non o coñeciches? Pois se non o coñeciches, é mellor non falar dos mortos.

De acordo. Vaste a Brasil a gravar ou xa volviches?

Xa volvemos, pero non sei se o mánager me deixa falar de todo isto. Teño unha especie de disco cunha película que nos montamos un pouco marciana. Fomos gravar á brava, sen equipo nin nada. O habemos ir montando todo sobre a marcha.

Por que Brasil?

Pois porque cada vez que vía Brasil nas fotos aparecían unhas tías que están boísimas, como non iamos ir?

É o material do teu novo disco?

Si, supoño que sairá para o Nadal ou así. Hai que ir facendo música a lume de biqueira.

Todo gravado, xa?

Si, agora hai que mesturalo.

Que me podes contar dese disco?

Pois nada, porque teño que estirar aínda este. Son un bocazas, tíranme da lingua e axiña o conto todo. Imos falar do último, mellor, aínda que non me acordo de cal é. É o que nos ten que dar diñeiro e éxito.

Dáche moito diñeiro?

Non, pero cubro gastos e a xente vaino tomando máis en serio. Vaia, que non son millonario.

Pásalo ben?

Gozo moito, con isto e con todo. Cando deixe de gozar, suicídome.

comentarios[2]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>