Con Isaac no Castro

Só lle fixen unha entrevista a Isaac Díaz Pardo. É esa que retratou Casteleiro na foto. Publicámola no suplemento dos domingos de Xornal de Galicia o 24 de xaneiro de 2010. Xa non está en ningures, e por iso a recupero. Non é boa, pero a culpa é miña. Fun ao Castro obsesionado pola idea de que a saída de Isaac do IGI era o síntoma definitivo do ocaso de Sargadelos.

_

A mudanza sorprendeuno con 89 anos e varias toneladas de memoria ás que lles buscar acomodo. Logo de dúas décadas no Instituto Galego de Información (IGI), un edificio na periferia de Compostela tan grande como o fracaso do proxecto cultural que quixo encarnar, o fundador de Sargadelos está de volta na súa casa do Castro de Samoedo, en Sada, ao pé da fábrica de cerámica á que dedicou a metade da vida e algunhas horas de quirófano. Xa nada do que se ve a través da ventá é seu. Non como antes. Expulsado da empresa que fundara con Luis Seoane en 1963, Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920) trata de poñer orde nas caixas e nos recordos. Axúdalle Antonio, a súa sombra durante máis de vinte anos. Chofer, confidente e cómplice no día a día do artista, antes na que ía ser a sede do malogrado xornal Galicia nos anos setenta e agora no pequeno estudio do Castro, entre moreas de libros, cartas, bosquexos e carpetas. Foi un dos traballadores despedidos pola nova directiva de Sargadelos, pero aquí está, firme e cun lapis na man. Mentres Isaac coloca en media lúa unhas cantas cadeiras, unha para el e o resto para os convidados, Antonio traslada ao papel os desexos do xefe. Desta volta é doado. Só ten que debuxar andeis. Iso é todo o que necesita Isaac para emendar tanto “desastre” como hai arredor. Andeis e xustiza, porque o artista ten a esperanza de que os tribunais lle devolvan o que a maioría dos socios lle quitaron: o timón de Sargadelos. Talvez por iso lle reprocha ao xornalista que só fale de “cousas tristes” á calor da estufa. Talvez por iso, cando lle preguntan como está, crava a ollada nos hóspedes por enriba dos lentes e retruca, moi serio: “Vivo”.

A Xunta ofreceuse a trasladar á Cidade da Cultura o seu legado, que gardaba no IGI e agora se reparte entre esta casa de Sada e o Seminario de Sargadelos de Cervo (Lugo). Vai aceptar?

Haino que estudar. O primeiro é organizármonos nós aquí, xa ve que é un desastre como está. Xa veremos a ver, vai depender de moitas cousas. Ofrécense a levalo para o Gaiás, pero claro, hai que ter en conta que o Gaiás non ten máis que un edificio terminado, o Arquivo, e aí non ten sentido ningún. O Arquivo que fixeron alí é tremendo, inmenso, son naves e naves e naves cheas de arquivos. De momento teñen moi pouca cousa: o de Basilio Losada, o de Alonso Montero… Iso é metelo alí e morrer, e o que temos nós non pode morrer. Temos moita documentación do Seminario de Estudos Galegos e do Consello de Galiza, e iso ten que ser unha cousa viva, non pode ser unha cousa morta. Está a biblioteca de Marino Dónega, que son como cinco toneladas de documentos… Son moitas cousas. E logo que na suposta fundación, ou o que se faga, terían que ir cousas que non van estar alí, como por exemplo o Museo Carlos Maside e as participacións que hai na Fundación Luís Seoane. Iso de momento, porque se a Xustiza resolve as cousas como é debido e devolven o patrimonio, pois aínda quedarían moitas máis cousas. Por iso que o hai que estudar, porque se queren facer unha cousa viva non convén que sexa en forma de arquivo. Cómpre que teña xente, que se mova. O primeiro que teño que facer é ver se dou ordenado todo isto antes de morrer.

Bota de menos o IGI?

Agora non teño nin tempo de botar nada de menos, con este rebumbio todo de cousas.

Pero botou alí máis de vinte anos.

Eu atendín aquilo durante vinte anos, si. Tiña unha habitación, pero hai máis de vinte ou así. Imos ver que vai pasar alí. Eu procurei que Sargadelos tivese o control máximo das cousas, para que houbese unidade, pero saiume mal, porque ao cabo se volveu contra min. Sargadelos tiña o control maioritario do IGI, e como estes teñen maioría, botan abaixo todo e quedan co edificio, véndeno. Fíxeno eu para que eles o desfagan. En fin, van ter un problema, porque o 25% do capital do IGI está noutras mans, moi diversas, e claro, van reclamar. Dirán que iso é unha trangallada, unha bestialidade. Facer iso cunha institución que foi a que creou todas as galerías do Castro e de Sargadelos… Ademais de que estaba alí o deseño, produciu libros e investigacións…

Que vai pasar co edificio?

Van intentar vendelo ou, se non, hipotecalo. Non pensan máis que en vender. Queren hipotecar esoutro edificio onde está o Museo Carlos Maside e todo iso para pagar as débedas. É todo un disparate.

Quen ten a culpa?

Temos unha institución da xustiza, pero hai moita burocracia. Complicado.

Conserva a esperanza de que o proceso xudicial se resolva ao seu favor?

Se a Xustiza funciona, non cabe dúbida, porque todo isto de Sargadelos foi unha trampa total. En Madrid, ese señor iría á cadea decontado. Os do Gürtel cóllenos con 100.000 euros e van á cadea. Estes señores, quedando coa caixa de Sargadelos, quedan con catro millóns de euros. Alí meteríanos na cadea, pero aquí non pasa nada. Isto é unha aldea.

Por que o quixeron apartar?

Para quedar co diñeiro, comprende? Eles non entenden nada do que era o Laboratorio de Formas, o que era a cultura galega, a recuperación da memoria histórica. Non entenden nada de nada. O único universitario que hai aí é precisamente o avogado, e resultou ser un delincuente [ri].

Destituírono como conselleiro delegado do IGI, pero ofrecéronlle seguir na empresa, iso si, nun posto menor. Por que non quixo?

Como ía seguir? Destrúen as cousas e eu vou seguir? Para que digan que o que fan é co acordo de Isaac Díaz Pardo? Tan imbéciles non somos. Somos parvos, bastante parvos, pero non tan imbéciles. Que o vendan eles!

Cal vai ser o futuro de Sargadelos?

Tal e como vai, arruinarse. Lévano á ruína. Estes collen Sargadelos crendo que vai moi ben… As empresas ían moi ben, ollo, e construírono todo, todo se fixo con diñeiro da empresa, nunca se pediu un can a ninguén, nin á Xunta nin aos bancos. Todo autoxestión. Eles pensarían, supoño, isto dígoo eu: se quedamos con todo e enriba eliminamos o que custa a cultura, que non entendemos, todo iso de pagar libros e tal… Pero claro, a esta empresa quítanlle precisamente o máis importante, que é o significado. Así lles vai: están no segundo ERE, despois de eliminar o IGI, o de Porto, o de Milán… En Gráficas do Castro até vender as máquinas non pararon, e as Ediciós do Castro alá foron tamén. Sacáronlle o fundamental e teñen moitas dificultades, claro. E logo que aí non se sabe o que pasa. Din que lles deben tres millóns aos bancos, e que os bancos lles esixen que amplíen capital, pero non está nada claro. Fanlles crer aos traballadores que está na ruína todo, pero non se sabe se está na ruína de verdade ou se fan crer que está na ruína.

Ediciós do Castro xa se desmantelou?

O que queda é un fondo editorial moi importante, valorado en dous millóns de euros, iso polo baixo, porque vale moito máis.

Vano vender?

Van vender ou destruír todo o que poidan. O que pasa é que non é tan fácil. Xa veremos que pasa, porque están querelados todos, o cal para min non é ningunha garantía todavía. Temos a posibilidade de ir enriba deles, pero para min non é unha garantía. Por cousas que vexo eu, aí hai outras cousas, outros intereses detrás. Había intereses franquistas que querían destruír a empresa e estes prestáronse. Esta cousa da recuperación da memoria histórica é algo que trouxemos nós de América, e que foi levada adiante por Ediciós do Castro. Iso era Ediciós do Castro: recuperar a memoria histórica. Dos 4.500 títulos que ten a editorial, 3.000 polo menos están dedicados a iso. Isto foi andando até Madrid e en Madrid convertérono en lei. Xa se sabe como están atacando iso as dereitas franquistas, como atacan o presidente do Goberno. Pois se nós creamos esa cousa, tamén estaremos acusados, comprende?

Estivo a Xunta á altura das circunstancias?

Que Xunta?

Calquera delas.

Eu nunca me metín en política. Son un conservador libertario, estou por enriba do PSOE e do PP. De todos os partidos. Iso si, sempre me levei ben con todos, incluso con estes que están agora. O outro día chamoume o presidente e preguntoume que me parecía que metesen todo isto na Cidade da Cultura. Díxenlle: home, fai o que queiras, ti es o presidente. Non se pode dicir que haxa unha acusación por aí. A acusación pode vir por outro lado.

Por que lado?

[Ri] Iso descoñécese, porque unha cousa é a política que está operando, traballando, e outra cousa son os que están detrás tratando de gobernar.

Cre que tomou algunhas decisións equivocadas á fronte de Sargadelos?

Eu? Todas. Non fixen nada máis que perder. Sempre perdín. Quixen ser arquitecto e non puiden. Falloume toda a familia. Paseinas putas para sacar adiante as cousas. En fin, sempre me fallaron as cousas. Até o final, que xa foi explosivo. Non podo presumir de éxitos precisamente.

Sentiuse traizoado?

Non soamente eu. Eu tiven sempre un respecto grande por Luis Seoane. En América entendémonos. Pódese dicir que eu admiraba o labor que estaba facendo. O compromiso de Seoane e o talento de Seoane eran excepcionais. Chegamos a un acordo, rodeados de toda esa xente importante que había en Bos Aires, como eran Antonio Baltar, Núñez Rúa, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Lois Tobío. Co espírito desa xente. Eles preguntábanse: que imos facer cando volvamos, se volvemos vivos, a Galicia? Pois recuperar a memoria histórica, porque o franquismo a destruíra toda: o Seminario de Estudos Galegos, a imprenta Nós… Había que recuperar todo iso, e iso foi o que fixemos Seoane e mais eu no Laboratorio de Formas. Desgraciadamente, Seoane hai trinta anos que morreu, pero a participación que el tiña no Laboratorio de Formas, que era igual que a miña, tena a Fundación Luis Seoane. Non hai problema ningún nese sentido. Creo que o labor de Seoane é fundamentalísimo. O que se fixo aquí, indubidablemente, é unha traizón, pero non só a min, senón tamén a Seoane. Unha traizón burda, de xente desprezábel, xente toda, incluído o avogado ese, que recibiu a súa participación gratuitamente. Regaláronselles a todos. Non son accionistas que puxesen cartos.

Que lle debe Galicia a Sargadelos?

Débelle o que creou: recuperar a cerámica de Sargadelos, unha editorial, levar adiante unha serie de cousas… Todo o labor do Laboratorio de Formas. Todo iso era para Galicia.

E vostede, que lle debe?

Eu? Ter nacido aquí. Todo. Galicia a min, en cambio, non me debe nada. Son eu o que lle debe a ela.

Le os periódicos todos os días?

Bótolle unha ollada, agora hai moitos.

Mentres falamos hai miles de persoas na Praza do Obradoiro manifestándose contra o goberno da Xunta. Cren que fai política contra o galego e que estraga o que se conquistou nos últimos trinta anos.

Iso é ignorancia. Nós loitamos precisamente contra todo iso. De todos os xeitos, nunca nos fixeron caso. A Real Academia vai polo seu camiño e non o cambia. A lingua manteríase hoxe mellor se se pechasen as portas de Castela e se abrisen as de Portugal, porque alí quedou o noso espírito, a nosa lingua. Ademais, estamos vendo a cada momento que no portugués, no que chaman o portugués, están aparecendo palabras galegas e inmediatamente as usan. Eu asistín a moitas resistencias que había. Como vai ser iso galego?, dicían. Pois si, é galego, e non hai máis remedio que aceptalo porque está nos documentos todos. Bueno, se se tivesen aberto as portas de Portugal, non necesariamente para cambiar absolutamente o galego, porque tamén hai diferenzas lingüísticas entre Brasil e Portugal, pero de termos estado aí, coas portas pechadas de Castela, indubidabelmente o galego estaría hoxe mellor. Pero falarlle disto á Academia… nada de nada. Eles cren que teñen o saber absoluto e que como son doutores, non poden fallar.

E por que non se abriron esas portas?

Iso pregúntellelo a quen as teñen pechadas.

Cúmprense cen anos do nacemento de Luis Seoane, co que fundou Sargadelos.

Extraordinario, un home extraordinario. Que lle podo dicir? Sinto unha admiración grande por el. Este ano a ver se se entende un pouco mellor a súa maneira de facer as cousas. Ninguén comprendeu mellor nin traballou máis a Galicia medieval ca el. E a Galicia medieval é moi importante para saber por onde tiña que ir a lingua, por onde tiña que ir Galicia. Foi aí cando se rompeu Galicia, a Galicia sur, que chegaba a Coímbra, cando se proclama o primeiro rei de Portugal, de Portus Cale, e o resto queda á mercé do Reino de León, e o Reino de León rouba o rei de Galicia, cólleno rezando, lévano para León e morre no Castelo de Luna. Pois a partir de aí Galicia queda no reino de León pero abandonada completamente, uns condados que non teñen ningunha importancia.

Como hai que entender a Seoane, daquela?

Estética, filosofía, historia. Foino todo.

O mellor de Galicia estivo en América?

Estivo Castelao, que coido que foi do mellor que tivemos en Galicia, e tamén estiveron Seoane, Curros Enríquez, Lamas Carbajal… América é importante para nós porque na miseria na que vivía Galicia…

Pensouse Galicia dende alí?

Uns pensaban en enriquecerse, e outros, os exilados… Hai unha diferenza grande entre os emigrantes e os exilados. O emigrante vai para mellorar a vida. O exiliado vai porque o botan fóra.

Débeselle moito ao exilio?

Si, coido que si. Sobre todo intelectualmente, porque para alí marcharon os mellores. Marcharon Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Blanco Amor. En fin, que se lle debe moito. A certos exilados, claro, non a todos. Este grupo mantivo vivo o espírito de Galicia.

Algunha vez se arrepentiu de participar na fundación de Sargadelos?

Non, arrepentirme non. O que lamento é o que pasou. Que se lle vai facer. As cousas son así. Non se fixo Sargadelos para enriquecerse, pero outros pensaron que si e teñen 200 persoas nun ERE. Non sei, aí un xuíz debía nombrar xentes que controlasen iso, porque claro, quen controla nas sociedades limitadas as cousas? Ninguén. Cada un fai o que lle dá a gana. Se vai ben, meten os cartos no peto. E se vai mal, bótanlle a culpa aos obreiros. É moi difícil iso. Moi complicado. A solución intermedia era pedirlle a un xuíz a intervención do xulgado para ver que é o que pasa e levar as cousas adiante. Ver se iso está na ruína de todo ou se se pode salvar.

comentarios[4]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>