Lisabö

Vou con atraso, seino. A listaxe está pechada dende hai semanas. Xuro que non movín unha coma dende entón, aínda que sobran as razóns para emendar imprudencias aquí e alá. Aí van os (pen)últimos dez discos do ano pasado. Cada vez máis lonxe.

_

Aquí deixo as tres entregas anteriores: 41-50 | 31-40 | 21-30. A foto é de Lisabö.

 

11

Animalia Lotsatuen Putzua

Lisabö

Bidehuts
2011

Esmagador. Prefiro non dicir máis ca isto: Li-sa-bö.

12

C’mon

Low

Sub Pop
2011

O noveno de Low gravouse na mesma igrexa que Trust, e nótase. Catro anos despois do hermético e inaccesíbel Drums and Guns, Alan Sparhawk e Mimi Parker regresan –xunto a un novo baixista, Steve Garrington– co que talvez sexa o álbum máis luminoso da súa carreira. Queda claro dende o corte inicial, o acolledor Try To Sleep, e confírmase no resto das cancións. Teño debilidade por $20 («My Love is for free», canta a dúo a parella), pero hai máis, moitas máis.

13

Creep On Creepin’ On

Timber Timbre

Arts & Crafts
2011

Bad Ritual e Black Water están entre as cancións que máis veces escoitei en 2011 no meu Spotify. Até que os puiden ver en La Iguana, en Vigo, xunto coa tribo psicoactiva de Akron/Family. Entón merquei o vinilo. Taylor Kirk é un Elvis posnuclear facendo rock and roll atmosférico e baixo de revolucións. Creep On Creepin’ On, segunda referencia dos canadenses Timber Timbre, é un disco fantástico para bailarmos ti e mais eu, amodo, minutos antes da fin do mundo.

14

Apocalypse

Bill Callahan

Drag City
2011

«The real people went away». Así empeza Apocalypse, un disco case tan bo –repito, case tan bo– como Sometimes I Wish I Were An Eagle, aínda que estea nos antípodas de marabillas como Eid Ma Clack Shaw ou The Wind And The Dove ou Too Many Birds ou Jim Cain ou calquera outro recanto daquel álbum inmenso. Non teño, de momento, moito máis que engadir ao que lin hai algún tempo en Pitchfork. Bill Callahan, como Will Oldham, só se entende no seu propio contexto. Talvez non teña nada que revelar no conxunto da música en 2011, pero está a facer os mellores discos da súa carreira.

15

Ruído negro

Das Kapital

A Regueifa
2011

Xa escribín abondo sobre o disco do ano en Galicia. Dúas veces na Rockdelux e outra aquí. Sigo pensando aproximadamente o mesmo.

16

Badlands

Dirty Beaches

Zoo
2011

Se Little Boy chega a caer en Texas no canto de arrasar Hiroshima, talvez Bo Diddley soase exactamente así. Como Elvis cantando para Suicide nun amplificador enferruxado. Dirty Beaches é o proxecto de Alex Zhang Hungtai e Alex Zhang Hungtai é canadense de Taiwán. Aproximadamente de ningunha parte. Badlands debe aproximarse bastante ao seu sentido da pertenza. É un collage sen puntos cardinais, un exercicio de nostalxia sen obxecto máis alá da pantalla do cine. Rockabilly minimalista de autoestrada.

17

Parallax

Atlas Sound

4AD
2011

Se a portada anticipa algo do que Bradford Cox puxo en Parallax, ese algo debe ser a noción de control absoluto que o tópico do crooner leva prendida. No seu terceiro disco como Atlas Sound –»terceiro» é un falar, porque en 2010 publicou o seu Bedroom Databank en catro volumes–, o prolífico músico de Atlanta parece comodísimo e máis accesíbel ca nunca no seu pop enrarecido. Te amo, The Shakes e Mona Lisa son tres evidencias ben luminosas, aínda que o disco ten tamén as súas zonas de sombra (Terra Incognita) e os seus meandros lamacentos (Modern Aquatic Nightsongs).

18

La zona sucia

Nacho Vegas

Marxophone
2011

A miña historia con Nacho Vegas, en poucas palabras: tardei en apreciar Actos inexplicables porque non entendía como de Manta Ray podía saír algo así de vulnerable, pero axiña ingresei na liga dos adoradores de Cajas de música difíciles de parar. Os efectos secundarios eran inevitábeis, supoño: acabar como ese ex amante condenado a buscar o mesmo corpo en todos os corpos. Por iso La zona sucia me resulta un disco curativo. Tan parecido a aquel (Incendios, Perplejidad) e ao mesmo tempo tan depurado, coma se entre ambos traballos mediase un proceso de sofisticación por fin decantado (La gran broma final). Que difícil é restar.

19

We Must Become the Pitiless Censors of Ourselves

John Maus

Ribbon Music/Upset the Rhythm
2011

Pon We Must Become the Pitiless Censors of Ourselves. Vai directamente ao segundo corte e dálle ao play. Que é Quantum Leap? Unha homenaxe, unha cita ou unha parodia de Joy Division? Ese é o campo no que xoga John Maus: synth-pop no límite da representación. Non sabes se denuncialo ao comité central ou adoralo, como ao seu colega Ariel Pink. O verdade do seu terceiro disco é tan borrosa como a súa voz afectada e cuberta por unha tonelada de reverb, pero Believer é irresistíbel.

20

Replica

Oneohtrix Point Never

Mexican Summer / Software
2011

Escoitar Replica prodúceme aínda unha sensación similar á que (recordo que) me causaran os discos de Third Eye Foundation hai algúns anos: a fascinación (e o temor) de estar a escoitar algo realmente novo, difícil de manexar, pensar e nomear. Mesmo perigoso. O novo disco de Oneohtrix Point Never é un prodixio de composición e complexidade, unha colección de ambient enfermizo, ameazador, inquietante e aínda así, dalgún xeito, gozoso. Aínda que Daniel Lopatin extrae os ingredientes sonoros de anuncios publicitarios dos anos oitenta, non hai un gramo de nostalxia.

comentarios[1]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>