Reixa-cos-Resentidos-Martxitxa-e-Jon-Idígoras-nos-anos-90

Manuel Xestoso e Cid Cabido compartiron mesa e conversa co presidente da SGAE en varias ocasións entre a primavera e o verán de 2011. O exercicio de memoria consentida está recollido en ‘Antón Reixa. Ghicho distinto’. Malia os excesos, é unha lectura recomendábel.

_

Hoxe publico en El País unha peza arredor do que se conta nesas páxinas. Hai de todo: rancores, afectos, axustes de contas, anécdotas, algunha revelación e moitos recordos. Aparentemente, os escribas foron escrupulosos. A transcrición semella pouco invasiva: amorea os temas en orde cronolóxica, permítese redundancias e insta constantemente o interlocutor a non perder o fío proposto en cada capítulo. Parecen materiais brutos para unha biografía que aínda está por escribir.

Hai liñas valiosas, sexa porque achegan opinións pouco frecuentadas por Reixa, sexa porque deitan algúns datos de proveito sobre o pasado. Tamén hai imprecisións, ou polo menos eu tropecei cun par delas na lectura. Algunhas son imputábeis á memoria do suxeito, que ten todo o dereito do mundo a lembrar que Lois Pereiro organizou un debate en Santander a mediados dos oitenta aínda que non fose exactamente así. Outras poderíanse aforrar cunha mínima procura en Google.

Antes de escribir a peza para o xornal, aproveitei para preguntarlle a Reixa por dous episodios que, por razóns obvias, quedaron fóra do libro: o seu abandono do BNG e a súa elección como presidente da SGAE. Parte do que me contestou está publicado aquí. Palabra de ghicho distinto.

A de arriba é unha das fotografías que se inclúen no libro. Son Os Resentidos a mediados dos noventa, nunha formación inusualmente concorrida, xunto a Jon Idígoras e Martxitxa.

 

Antón Reixa. Ghicho distinto

Manuel Xestoso e X. Cid Cabido

Xerais, 2012
310 páxinas | 19 euros

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>